Fran da Lobeira

Fran da Lobeira

Dálle ao gústame e subscríbete. Normalizar con YouTube

Coñeceremos datos de orixe e referentes á nosa lingua, que non tiñamos da rede social de vídeos máis usada do planeta, e darei o que eu penso que debera ser o modus operandi habitual para difundir o contido en galego nesa rede.

Finalmente falarei da Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego, que xa é o fogar do contido en galego na rede, posto que agrupa nunha soa web a todos os proxectos multimedia das tres grandes comunidades: Podgalego, en formato podcast, Twitch en galego, para ver directos do máis variados e YouTube en galego, con máis de 500 canles listadas.


Fran da Lobeira é un tipo ecléctico, guitarrista e debuxante amador, gravador e montador de vídeo vocacional, youtubeiro e twitcheiro paixonal, community manager en prácticas e suboficial especialista en SONAR de profesión, un auténtico home-orquestra.

Fascinado por viaxar, ingresou na Armada onde, tras máis de 2000 días de mar e ter visitado máis de 100 cidades en máis de 50 países, chegou a cumprir o seu soño, pois nos máis de 27 anos que leva navegando e viaxando, xa cumpriu aquel soño de visitar Australia, que tiña cando novo. No 2008 casou e foi vivir ao lugar da Lobeira, na parroquia de Santa Mariña do Monte. Alí́ no 2011 comezou a escrita dun blog persoal de referencia “Vivo na Lobeira”, ainda en castelán, pois é neofalante (hoxe case abandonado). Tras ter estado mesmo 3 anos a vivir en Brunssum, onde por mor da morriña rexentou a “Embaixada da Lobeira nos Países Baixos” e sendo alí onde creou, no ano 2017, o emporio multiplataforma que é hoxe “a Lobeira today”, gañador do Premio Rede 2023 do certame Youtubeiras, actualmente pasa as semanas a cabalo entre o seu traballo de oficinista no Estado Mayor de la Defensa e os directos en RR.SS. en Madrid e a quietude sen apenas cobertura móbil do seu fogar no lugar da Lobeira do concello de San Sadurniño. Amais, ten varias participacións reiteradas no certame de curtametraxes Chanfaina Lab do Concello de San Sadurniño, onde vén de actuar como director de fotografía para a peza do afamado director Ignacio Vilar (A esmorga). Tamén xestiona, nas súas canles de YouTube, Twitch e Facebook, entre outros, o seu programa especial “Cinema Lobeira” no que xunto a xente colaboradora da canle e doutros eidos, tamén con gusto polo cinema, tanto se analizan as grandes galas de cinema coma se entrevista a directores de cinema independente, guionistas ou se cubre un festival.

Foi dos primeiros Instagramers en crear un vídeo diario en galego, o cal mantivo máis dun ano, e tras ter creado a lista das 50 do YouTube, na que deu visibilidade a máis de 240 canles na nosa lingua cada ano, Fran da Lobeira é o primeiro “streamer” en lingua galega en transmitir dende a rúa e en facer directos de máis de 1 día sen pausas (total de 25 horas e 19 minutos na 1ª edición e 25 horas e 32 minutos na 2ª edición do Maratón da Lobeira) na rede social Twitch e YouTube. Na súa, hoxe xa consolidada, videobitácora “a Lobeira Today” podemos seguir de preto tanto a súa incesante actividade como a das moitas persoas colaboradoras coas que conta a día de hoxe, moi gabada en diferentes medios de comunicación. A parte de todo o anterior, é o presidente da recentemente creada Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego que agrupa as tres grandes comunidades de creación dixital de contido en galego: Podgalego, Twitch en galego e YouTube en galego.