A intervención intentará realizar un pequeno percorrido por conceptos (“palabras”) que axudan a debuxar a situación lingüística actual, desde a perspectiva de que, se non reflexionamos colectivamente sobre o que está sucedendo -sen pre-xuízos- dificilmente poderemos mirar cara ao futuro.
Entre eses conceptos estarían:
- ecolingüismo… situación que pensabamos desterrada, tanto entre nós como, practicamente, no mundo, e que empeza a asomar de novo en Galicia.
- dilexia (“dúas falas”): a difícil -aínda- confrontación do/a falante natural co estándar. A norma como atentado á fala. A necesidade de poñer en valor o dialecto.
- diculturalismo: a diglosia cultural, que non acompaña sempre a diglosia lingüística, pero que fai imposible desterrala.
- normalización cultural: como pasa previo da normalización lingüística. Tamén, as outras normalizacións, incluída a económica.
- plurilingüismo: ou o inglés disfrazado… con ausencia de avaliación.
- autoridade: ou a ausencia dela. O papel da RAG e dos colectivos “normalizadores”… e os seus camiños.
- eufemismos diglósicos: ou a utilización, na actualidade, do castelán para evitar o galego “malsoante” (“cerdo” por “cocho”, por exemplo).
- glotofaxia: o canibalismo lingüístico que non cesa.
- …
Paco Veiga naceu na parroquia da Órrea, no concello de Riotorto, na comarca da Terra de Miranda, en 1961.
Mestre e pedagogo, traballou en diferentes centros educativos de Primaria e no programa Preescolar na Casa. Participou en proxectos de radio e televisión educativas. Con todo, na maior parte da súa vida profesional exerceu como profesor de Lingua e Literatura en Secundaria, sobre todo no IES de Melide, onde traballou 29 anos ata que, recentemente, se xubilou.
É autor dunha Tese de Doutoramento titulada Xogo popular galego e educación, vixencia educativa e función de identificación cultural dos xogos e enredos tradicionais, considerada a primeira Tese que en Galicia analizou o noso patrimonio lúdico, como creación cultural xenuína, dun xeito global. É autor tamén dalgunhas publicacións sobre o mesmo tema.
Paralelamente, tratou de desenvolver unha liña de reflexión sobre o concepto de normalización cultural, antes que estritamente lingüística, partindo da hipótese de que o idioma só pode ser contemplado integrado nun todo que vai máis alá da propia lingua. Un certo número de artigos e de colaboracións en obras colectivas son o produto desta faceta de traballo. Neste sentido, e xunto con outras profesionais do IES Melide preocupadas polo mesmo tema, creou a neoloxismo diculturalidade ou diculturalismo para intentar describir unha realidade paralela á diglosia, pero neste caso referida á cultura galega, tradicional ou non.
Membro fundador e primeiro presidente da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, entidade integrada no Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego.
É tamén membro de Nova Escola Galega, da Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea e da Asociación Cultural Avelino Díaz (A Órrea – Meira).