Bea Campos

Bea Campos

En galego, dende o berce

Actriz, narradora e presentadora

En moitísimos casos, as  nosas avoas, avós, pais e nais, criáronnos en castelán. Eu nacín nos anos 80 en San Xurxo de Sacos, Cotobade, e alí a maioría das persoas que falaban en galego criaban en castelán.

Este feito non é algo que ocorreu por arte de maxia, está ligado a unha represión lingüística que empezou xa nos Séculos Escuros e se instaurou na época franquista. A cousa saíulles moi ben, recoñézolles unha grande eficacia.

A miña proposta é sinxela, se a eles lles funcionou, a nós tamén. Por esa razón insto, insisto e animo a que lles faledes ás criaturas en galego. Incluso se sodes castelanfalantes, precisamos da vosa axuda. Si, este é o curioso punto de inflexión. Tal e como eu o vexo, somos a derradeira xeración que ten a chave, que lembra lendas, palabras, toponimia… e síntoo moito pero temos que espelirnos. Non podemos agardar máis, temos que traballar todas e todos.
Esta é unha misión ben importante. Sei que algúns dirán: “Aaaahh, eu non teño fillos, a min non me toca”. Sinto dicirvos que si que vos toca. Isto é un traballo de todas e de todos.

Comecemos dende o berce. Ensinémoslles ás pequenas criaturas a nomear o mundo en galego. Sementemos en galego para que a nosa lingua medre!


Bea Campos é actriz, narradora e presentadora. Licenciada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia.

Dende moi nova, comezou a contar contos, realizou milleiros de actuacións e levou as súas historias ata o outro lado do mar, participando en festivais de artes escénicas en Latinoamérica. Forma parte da compañía “Migallas Teatro” con diferentes espectáculos para público dende os 6 meses ata os 100 anos.
No mundo do teatro tamén traballa na compañía Inventi Teatro e participa como actriz en diferentes compañías.

É formadora no eido da expresión dramática, da narración oral e da literatura infantil. Tamén colaborou nun gran número de proxectos audiovisuais e actualmente é presentadora na canle de difusión de literatura infantil “Kalandraka TV” achegando o mundo do libro a nenos e maiores.