Xornalista, profesor universitario e escritor
A lingua galega é unha prodixiosa interface para comunicarnos non só coas persoas que nos rodean, senón tamén para levar connosco a todos aqueles que nos precederon. Na miña presentación, amoso como a lingua ten anacos íntimos que nos explican de onde vimos e nos permiten revelar secretos invisibles do territorio no que vivimos.
Manuel Gago (Palmeira, Ribeira, 1976) é xornalista, profesor universitario e escritor. Dirixe culturagalega.gal, a plataforma de divulgación do Consello da Cultura Galega, é profesor na Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago e editor de Capítulo Cero, un blog sobre comunicación, cultura e divulgación científica. A súa última novela é O exército de fume (Xerais, 2018). Foi comisario da exposición Galicia, un relato no mundo (Museo Gaiás, 2019).