Adestrador de baloncesto e profesor universitario
Nesta presentación tratarei de explicar a miña relación coa práctica deportiva dende o galego. Curiosamente, dado que nacín nun concello pequeno cheo de galegofalantes, Outes, a miña primeira aproximación ao deporte foi 100% na nosa lingua. Porén, chegar a vivir a Compostela fíxome tamén fillo da diglosia entre os 8 e os 14 anos, mentres desfrutaba con Son Goku ou falando cos meus pais en galego pero comunicando fóra da casa en castelán.
Así, cando decidín retornar a falar integramente en galego, evidentemente tamén decidín facelo no deporte. Dende ese momento vivín varias situacións curiosas, como adestrar un equipo de nenas e nenos de 10 e 11 anos onde había representación de seis países, catro continentes e se podían falar sete idiomas diferentes, pero o galego era a lingua que vertebraba a nosa comunicación. Porque Fontiñas tamén pode ser lugar de acollida e móntanche grupos que parecen xuntanzas da ONU. Ou que un rapaz ao que arbitras che parabenice ao rematar o partido polo teu traballo dicindo simplemente “moitas grazas por arbitrar en galego”. É dicir, que o galego é un vehículo que me permitiu sempre practicar o deporte que quixen, sen complexos e con total utilidade.
Aínda que nacín na Serra de Outes no ano 1989, podo dicir con orgullo que me sinto das Fontiñas, o mellor barrio do mundo, situado en Santiago de Compostela. Foi alí onde fai xa máis de 15 anos un grupo de nais e pais decidiron crear un equipo de baloncesto para a cativada do barrio, a Agrupación Deportiva de Baloncesto Fontiñas, tendo a sorte de que os meus pais se atopaban entre eles.
Se ben na actualidade me dedico profesionalmente ao ensino na Facultade de CC. Económicas, unha das miñas grandes paixóns continúa a ser o deporte. Levo xogando a baloncesto 21 anos (dous terzos da miña vida!), e tamén son adestrador, sempre en Fontiñas, dende os 15. Fun árbitro e oficial de mesa catro temporadas, e nos últimos seis anos formo parte da Xunta Directiva do ADB Fontiñas, porque os nosos pais tamén merecen un descanso.
En paralelo sempre me gustou practicar outros deportes tanto individuais como colectivos: dende o fútbol gaélico até o tríatlon, pasando pola escalada. Como xa dende moi neno me dei conta que non ía chegar a profesional en ningún deporte, decidín que o mellor era probar cousas diferentes a nivel amateur para non aburrirse e levar unha vida sa. Sempre en galego, porque a nosa lingua é unha fermosa canle para comunicar, tamén practicando deporte.