Inma Gil Rosendo

Que veño sendo

Xornalista na BBC

Falarei de como foi o meu redescubrimento identitario estando no estranxeiro e do laboratorio lingüístico que teño na casa.


Inma Gil Rosendo é unha xornalista multimedia galega que traballa para o Servizo Mundial da BBC dende 2004. Naceu en Vigo en 1978 e estudou Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, antes de marchar cunha beca Erasmus ao Reino Unido, onde se especializou en Xornalismo Internacional cunha mestría na Universidade de Cardiff.

Coa BBC cubriu novas internacionais para radio, televisión e distintas plataformas en Internet, e foi correspondente en México en 2010. Ademais, fixo reportaxes como enviada especial en lugares como Cisxordania, Ecuador, Estados Unidos ou Bolivia.

Interésanlle particularmente os  temas de sociedade, identidade, relixión e xénero, que abordou en distintos proxectos, como unha serie de radio sobre a trata de mulleres, un documental de radio sobre a conversión de latinos ao Islam ou unha serie de reportaxes multimedia sobre os prexuízos inconscientes de xénero.

Actualmente traballa como produtora de YouTube para BBC Ideas. Ademais é unha activista na promoción da lingua e a cultura galega en Londres. En 2008 creou en Facebook o grupo Galegos Morriñentos en Londres,  en 2015 cofundou Troula, un grupo de xogos para nenos galegofalantes, e é unha das impulsoras de Rega-UK, unha nova iniciativa cultural galega no Reino Unido, creada en 2018.