Alba María e Lupe Blanco

Regueifeiras

 

Alba María (Las Palmas de Gran Canaria, 1995)

Cantora, filóloga e improvisadora oral galega. Con 18 anos gaña o I Certame de Canción de Autor do Concello de Teo, a raíz do cal ve a luz o seu primeiro disco: Aínda (2014).

Desde os 13 anos mergúllase no mundo da música popular galega, desenvolvendo actividade no eido da regueifa, con mestres improvisadores como Pinto de Herbón ou Luís O Caruncho. Colabora co proxecto Regueifesta na introdución da regueifa no ámbito educativo a través dos valores da igualdade de xénero. En relación con este ámbito imparte obradoiros de improvisación oral en centros de toda Galicia, con alumnado desde os 3 aos 90 anos.

Graduada en Lingua e Literatura Galegas pola Universidade de Santiago de Compostela, con premio extraordinario de fin de carreira, traballa tamén como correctora externa para a editorial Galaxia. Arredor da oralidade publica Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo (2017), un dos primeiros monográficos centrado na investigación sobre a improvisación oral de Bergantiños.

Desde setembro de 2018 forma parte da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. Como programadora coordina as xornadas Mercedes Goicoa e as mulleres na música do Consello da Cultura Galega, o proxecto de músicas pola igualdade Hemisferios da Deputación da Coruña ou o ciclo literario ASALTOS! da Cidade da Cultura.

Actualmente é a coordinadora da escola de música popular d’ aCentral Folque.

 

Guadalupe Blanco Vázquez (Coristanco 1980)

Pandereteira dende os sete anos, entra no mundo da regueifa recordando ao seu bisavó Blanco de Muiñoseco, considerado o padriño da regueifa en Bergantiños.

Crea a súa páxina nas redes sociais “Regueifando pola vida” e colle un mérito notorio na comarca de Bergantiños, tanto é así que colabora dende o 2016 cunha regueifa semanal en Radio Voz Bergantiños e publica no dominical de La Voz de Galicia (edición Carballo).

No 2017 veu a dar os pregóns do Día da Muiñeira (Carballo), Noite no Medievo (Riobó, Cabana de Bergantiños) e Festa da Pataca (Coristanco), todos eles a modo de regueifa.

Colabora co proxecto Regueifesta impartindo obradoiros no ámbito educativo, e forma a primeira escola de regueifeiras na Fundación Eduardo Pondal Pondal (Ponteceso).

Participa no certame internacional de regueifas en Valadares, e en actuacións destacadas como a Gala do Patrimonio (Cangas, 2017).

Está considerada unha das mellores regueifeiras de Galicia pola conservación das tonadas características de Bergantiños.