Mercé Barrientos

O galego no deporte: excéntrico ou centrífugo?

Deportista e docente

Tratarei falar -desde o punto de vista dunha nacida nun lugar periférico e excéntrico e practicante dun deporte aínda máis excéntrico- das excentricidades do galego no deporte, que son moitas e heteroxéneas -como tratarei de ilustrar con algunhas anécdotas verídicas- para rematar ilustrando sobre a potencialidade do galego como idioma global e como fundamento da construción da identidade e da autoestima, ambas factores fundamentais para o rendemento deportivo.


O meu nome é Mercé Barrientos Varela e nacín en Muxía no ano 1971. Son licenciada en Educación Física polo INEF-Galicia no 1994 e, na actualidade, doutoranda en EF na Universidade da Coruña.

Profesora de Ensino Secundario desde 1995, actualmente son docente de Educación Física no IES Valle Inclán de Pontevedra e fun responsable do Equipo de Normalización Lingüística do IES Pedro Floriani de Redondela, onde desenvolvín tamén programas como o “Afróitate no Floriani” ou o “Floriani Deportivo”.

Fun deportista da Federación Galega de Taekwondo durante os últimos 36 anos, cinto negro 6º Dan, árbitra e adestradora de Taekwondo.

Fun presidenta da Federación Galega de Taekwondo desde 2003 ata 2014 e vicepresidenta da Federación Española de 2006 a 2008; presidenta da Unión de Federacións Deportivas Galegas desde 2008 ata 2012 e membro da xunta directiva da Asociación Galega de Xestores Deportivos neses anos.

Son directiva fundadora da asociación Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA), que actualmente presido (en funcións) e na que desenvolvemos traballos e actos a prol da visibilización e a igualdade da muller no deporte, como os estudos sobre a presenza do deporte feminino na prensa (2007 e 2009), as xornadas do deporte feminino na rúa (2009 e 2010), exposicións fotográficas sobre deporte feminino ou as galas anuais de premios MUDEGA.

Esta vinculación co deporte galego e co deporte feminino fai que con frecuencia sexa conferenciante ou publique artigos na prensa sobre estes temas.

Este ano publiquei un libro de relatos titulado Conciencia máxica de ser anfibio (Tulipa Editora) e teño pendente de publicar un libro técnico sobre taekwondo titulado Taekwondo. La competición olímpica dirixido a adestradores e competidores de alto nivel.

No tempo de lecer desfruto do mergullo deportivo na Costa da Morte e tamén obtiven varios títulos de mergulladora profesional no IGAFA da Illa de Arousa.