Benvides á Illa Bufarda! A través desta expedición descubriremos a fauna (as habitantes desta illa, clientes e persoas filmadas), a flora (os nosos valores e filosofía) e a nosa lingua, motor expresivo e creativo deste territorio.
A intervención está atravesada por experiencias, fitos e curiosidades do audiovisual galego, así como da pegada das nosas referentes á hora de crear. Falaremos da responsabilidade cando creamos imaxes e historias e do poder do audiovisual á hora de forxar a identidade ou identidades.
Illa Bufarda é unha produtora audiovisual que nace no ano 2012 como un proxecto cultural, sensible e comprometido coa promoción e a divulgación da cultura dende un eido ben definido: a linguaxe audiovisual. Este proxecto está integrado por Adriana Pérez Villanueva (Noia, 1987), Sabela Iglesias Reviejo (Mesía, 1987) e Pilar Fernández Abades (Silleda, 1985). As tres somos comunicadoras audiovisuais e temos estudos de especialización animación, deseño e fotografía, o que nos fai unha equipo multidisciplinar e moi versátil. No ano 2023 a Illa Bufarda transfórmase en Sociedade Cooperativa, sendo esta unha estrutura empresarial máis representativa da filosofía coa que naceu a produtora e máis coidadosa coas socias traballadoras.
Na Illa Bufarda ofrecemos servizos de produción audiovisual (en todas as súas fases), deseño gráfico, animación 2D, fotografía e solucións de comunicación integral de proxectos, empresas e outras entidades. Tamén realizamos propostas formativas nesas áreas de traballo, conxugando o que facer didáctico sobre mirada, as imaxes e os medios, coa creación colectiva e participación social.
Entre as producións máis destacados da produtora Illa Bufarda atópase o documental Fíos Fóra, historias de obreiras entre costuras e patróns (2015), a webserie SEX (2018) e o documental etnográfico Negro Púrpura (2021) estreado en cines de todo o estado e gañador do Premio a Mellor Longametraxe no John Balan Fest 2023.
Illa Bufarda conta co varios premios que recoñecen diferentes aspectos na súa traxectoria, como pode ser o Premio Manuel Beiras 2017 (do Concello de Santiago de Compostelae da Cámara de Comercio compostelá) o Premio Luísa Villalta 2018 (da Deputación da Coruña) e o II Premio á excelencia empresarial na categoría de “Boas prácticas en innovación en comercialización de produtos e servizos culturais” (do Concello de Santiago de Compostela).