Bernardo Penabade

Bernardo Penabade

Didáctica para a estabilidade lingüística

Conta Marco Pereira -o xornalista cego que dirixe o programa radiofónico Grandes Vozes- que, cada vez que coñece xente nova, prodúcese a mesma situación incómoda. Instintivamente, as persoas adiántanlle a man e botan uns segundos con ela estirada (antes de caeren na conta de que non a pode ver) e, se esas persoas son de cultura galega inicial, mudan de lingua. Por que? Fundamentalmente, por ser aínda un descoñecido e por ter unha discapacidade. Outro tanto lle pasa á Antonina Semedo, de Batuko Tabanka. Aínda que leve entre nós máis de media vida (chegou en 1978), a cor da pel sitúaa como estranxeira… e non é considerado de boa educación manter o galego para falar coa “xente de fóra”.

Despois de medio século de ensino da lingua galega, chegou o momento abordar dentro das aulas as normas de uso social para o fomento da estabilidade lingüística entre a mocidade que recibiu o noso idioma desde o berce. Sobre esta base asenta calquera iniciativa de incorporación de neofalantes. 


Bernardo Penabade Rei (Grañas do Sor; 1964) é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Para a área audiovisual en empresas vinculadas á TVG no momento en que esta comezaba as súas emisións, fixo tradución, sincronización e dobraxe de películas do ciclo Galicia no cine (Sabela de Cambados, Botón de Áncora, A Casa da Troia) da serie infantil Os Pitufos, entre outras. Simultaneamente, realizou dinamización cultural na Residencia Universitaria do Burgo das Nacións. 

Despois dun breve período de docencia no Colexio Paulo VI da Rúa, foi profesor no IES Otero Pedrayo de Ourense, no Johan Carballeira de Bueu, no de Ortigueira, no IES Vilar Ponte de Viveiro; e desde 2003 deu clases de Lingua e Literatura Galegas no IES Perdouro de Burela, onde chegou á xubilación en 2024.

Desde 1983 é membro da AGAL, entidade da que foi presidente entre 2002 e 2007. No campo da didáctica, é un dos fundadores do Modelo Burela, primeiro proxecto de planificación lingüística aprobado por unanimidade nunha vila galega. Desde 2012 coordinou en Radio Burela o programa radiofónico Proxecto Neo, centrado nas experiencias de persoas neofalantes do noso idioma.