É a banda deseñada unha oportunidade para o galego?, publicar BD na nosa lingua é a mellor opción?, hai suficiente difusión da que se publica en galego para crear público lector? Intentaremos contestar estas e outras preguntas e dar algunhas recomendacións para un mellor futuro da banda deseñada en galego.
Vigo (Pontevedra) 1979. Historietista, ilustrador, editor e director da primeira escola profesional de banda deseñada de Galicia, O Garaxe Hermético.
Comezou a debuxar de maneira profesional con tan só 16 anos, traballou como humorista gráfico en La Voz de Galicia, no semanario satírico El Jueves e actualmente publica viñetas diarias na súa sección “A Silveira” de El Correo Gallego.
Publicou nas principais editoriais galegas e nacionais e foi traducido a idiomas como o inglés, o francés e o coreano.
É o ilustrador de Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis, A memoria das árbores, Moncho e a mancha e Que contan as ovellas para durmir?
Creou a Orbil, o lobo lector mascota do Salón do Libro de Pontevedra. Tamén é o pai de Fiz, o neno máis porco do mundo, que comezou a publicar na revista Golfiño no 2002.
Gañou moitos premios de banda deseñada, entre os que destaca o Premio Castelao de Bd no 2014 pola súa obra O inferno do debuxante. No 2007 recibiu o Premio Xoán Manuel Pintos pola promoción da lingua galega.
Como editor, creou a revista BD Banda e a revista Retranca (ambas premiadas no Salón do Cómic de Barcelona); publicou As serpes cegas, de Cava e Seguí, que recibiu o Premio Nacional de Cómic 2010; coordinou a colección de bd de Faktoría K de Libros e a sección de bd da revista Oink! do Xabarín Club.
Dirixe a editorial Retranca dende o 2007 e dende o 2018 a revista de bd galega A Viñeta de Schrödinguer, editada pola Mesa pola Normalización Lingüística.
Actualmente dirixe e imparte clase de cómic en O Garaxe Hermético.
Dende o 2012 está traballando no seu proxecto de bd máis longo, a novela gráfica Baixo a sombra das pedras flotantes, que publicará en galego Xerais e en castelán Norma Editorial.