Olaia Maneiro (Tanxugueiras)

Olaia Maneiro (Tanxugueiras)

Non hai fronteiras para o galego

Partindo do legado das pandereteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, Tanxugueiras reinterpretamos os sons da tradición fusionándoos con outros ritmos para entregarllos ao mundo con orgullo polo propio. E nese orgullo ten un valor primordial o noso idioma, o vehículo para transmitir de onde vimos e o que somos e procuramos como artistas.


Olaia Maneiro xunto con Sabela Maneiro e Aida Tarrío son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, o seu apoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.

O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que xa as fixo triunfar en escenarios de varios países.

Co seu primeiro álbum homónimo, publicado en 2018, o trío inicia unha traxectoria que as leva a visitar, en só tres anos, máis de 100 escenarios de todo o planeta acompañadas polas súas pandeiretas. No 2019 chega Contrapunto, un disco que incrementa as revolucións da música galega coa reinterpretación de coplas tradicionais, ateigadas de arranxos e harmonías diversas.

Xa no 2021, Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro comezan a explorar con curiosidade -coa colaboración do produtor Iago Pico- a fusión da tradición e a potencialidade das súas voces con sonoridades urbanas e modernas, ata converterse no que son hoxe en día: unha das propostas máis innovadoras, auténticas e sorprendentes do país.

Aválanas éxitos como ‘Midas’, ‘Figa’, ‘Averno’ (colaboración con Rayden) ou ‘Terra’ (con máis de 11.000.000 escoitas nas plataformas dixitais a finais de xaneiro), tema co que se alzaron como as favoritas do público no Benidorm Fest, competindo por ir a Eurovisión con artistas como Rigoberta Bandini, Chanel, Varry Brava ou Javiera Mena. Todo forma parte do seu novo disco, Diluvio, que veu a luz neste 2022 e co que presentan un potentísimo show. Nel mostrarase a nova sonoridade creada pola banda.

Son o son dun pobo internacionalizado. Son a cultura tradicional na pista de baile. Son todos os mundos nun só. Porque para Tanxugueiras “non hai fronteiras”.