Lois Pérez

Lois Pérez

Presentación e música

Lois Pérez (Lugo, 1979) é mestre, contador de historias, poeta, escritor e guionista.

No eido da dramaturxia gañou en 2008 o Premio de Teatro Radiofónico da Radio Galega con Saltimbanqui (Xerais, 2008), dirixida e adaptada por Quico Cadaval.

No eido da literatura xuvenil, con A gruta da torre (Xerais, 2022), gañou o V Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade.

Como poeta, publicou LP (2013) e Long Play (Xerais, 2017), e gañou o Premio aRi[t]mar ao mellor poema editado en Galicia nese ano por «Blues do rei Bergman=B.B. King».

Fai parte do Comité de Redacción da revista Luzes, dirixida por Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro.

Como guionista e narrador, participou en Acorda, cartografía musical da represión fascista na provincia de Pontevedra, dirixido por Uxía e que contou coa participación de Tanxugueiras, Ugia Pedreira e outras/os artistas do país.

Coordina a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e, no eido do ensino público, traballou e promoveu diferentes proxectos de innovación na normalización lingüística do galego na escola, premiados todos eles por organismos oficiais e institucións diversas.

Escribe de rock and roll e literatura no suplemento cultural «Táboa Redonda», que se publica os domingos con El Progreso de Lugo e o Diario de Pontevedra.

Seus pais din que ten bo dente e a Fundación da Construcción di que ten o título de soldador de oxiacetilénica.