Guido Álvarez Parga

Guido Álvarez Parga

Ás viaxeiras e viaxeiros gústalles aprender galego

 

Guido Álvarez Parga (tamén coñecido como Guido Guía) falará da súa experiencia como guía oficial de turismo da Galiza dende o ano 2015, guiando dende o inicio en galego (ademais de noutros 4 idiomas nos que está acreditado), experimentando e constatando o interese e aprecio das viaxeiras e viaxeiros polas súas visitas, paseos e actividades en galego.

Guido leva 18 anos no mundo do Turismo (agora incluso é profesor do grao universitario na UNED) formándose e traballando en Lugo, na Coruña, en Compostela e no estranxeiro (4 anos entre Italia, Inglaterra, Francia e Alemaña). Acumula moitas experiencias neste eido, e grazas a isto falaranos das súas vivencias relacionadas co turismo e co galego en todos eses lugares, centrándose moi especialmente na súa última e actual etapa: dende o ano 2019 desenvolve un proxecto propio que lle serviu para ser recoñecido como un dos 10 Lucenses do Ano 2020, asociado de honra da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, ou para acadar o recoñecemento internacional “Travelers Choice” da plataforma TripAdvisor no ano 2022. Sete anos, tres como autónomo, guiando por Lugo e por Galiza para persoas de máis de 100 nacionalidades.


Guido Álvarez Parga (Guido Guía), nado en Lugo o 16 de setembro de 1985, é un turismólogo, guía e docente universitario especializado (máster) en Planificación Turística e en Xestión de Paisaxes Culturais. Colaborador asiduo en diversos medios de comunicación (principalmente prensa escrita e radio), é un dos fundadores do movemento social Coidemos Lugo. Foi nomeado como un dos 10 Lucenses do Ano no ano 2020, recibiu o recoñecemento Travelers Choice 2022 da plataforma internacional TripAdvisor, e é recoñecido polas súas variadas propostas e iniciativas turísticas e culturais en Galiza e sobre todo na cidade e na provincia de Lugo.

Naceu no lucense barrio do Carme. Aos 18 anos mudouse á Coruña para cursar a carreira de Turismo. Continuou a súa formación con distintas bolsas de estudos (Erasmus, Leonardo, Maclands, Erasmus Mundus) nas universidades de Téramo (Italia), Santiago de Compostela, Jean Monnet (Saint-Étienne, Francia), Federico II (Nápoles, Italia) e Stuttgart (Alemaña), que compatibiliza con diversas experiencias laborais entre as que destacan un período no museo Benjamin Franklin House de Londres (Reino Unido), outro nunha consultora turística en Nantes (Francia) e varios anos como investigador e coordinador de dous observatorios turísticos no CETUR (Centro de Estudos e Investigacións Turísticas, en Santiago de Compostela). No 2015 regresa a Lugo, onde traballa durante varios anos en diversas axencias de viaxes, e no 2019 lanza o seu propio proxecto profesional: Guido Guía.