Beatriz Busto Miramontes

Beatriz Busto Miramontes

O estereotipo do galego en NO-DO

NO-DO, organismo de propaganda cinematográfica do réxime franquista, elaborou un discurso de representación cultural –sobre Galiza como territorio e sobre o galego como lingua– facendo un uso folclorizado da cultura. Parte dos materiais cinematográficos NO-DO fan un uso explícito do galego e incluso da nosa literatura, presentándoos como curiosidades folclorizadas dun pobo xa folclórico de por si, elaborando así un mapa territorial no que o estereotipo se converteu no principal indicador de representación cultural.

Comprender a arquitectura dese estereotipo como o discurso vertical que se executou sobre Galiza en NO-DO pode axudar a evidenciar esa mirada violenta, así como darnos chaves de desactivación de cara a un futuro máis forte e mellor para a nosa cultura e para a nosa lingua.


Beatriz Busto Miramontes (Compostela, 1979) é profesora na Área de Antropoloxía Social, Facultade de Filosofía, na Universidade de Santiago de Compostela dende o ano de 2019. Imparte docencia das áreas de Antropoloxía Simbólica e Antropoloxía Aplicada a alumnado do Grao de Filosofía. É licenciada en Antropoloxía Social e Cultural (2008), licenciada en Historia e Ciencias da Música (2006) pola Universidade Autónoma de Madrid e mestra especialista en Educación Musical pola Universidade de Vigo (2003). Exerce como pedagoga musical dende o ano 2008 en diversas institucións educativas, tanto na ensinanza regulada como na non regulada.

Doutorouse en Antropoloxía Social coa máxima cualificación en decembro de 2016 na Universidade Autónoma de Madrid coa tese doutoral La Galicia proyectada por NO-DO. La arquitectura del estereotipo cultural a partir del uso del folclore musical (1943-1981), dirixida polo antropólogo Dr. Juan Carlos Gimeno Martín. Nela analizou o uso e abuso da imaxe estereotipada e folclorizada de Galicia no organismo cinematográfico NO-DO a través da presenza do folclore musical galego na imaxe dende unha perspectiva decolonial e feminista. Como parte do obxectivo de transferencia no social –elemento ético e deontolóxica da propia Antropoloxía Cultural como ciencia social aplicada– Beatriz publica en febreiro de 2021 o libro Um país a la gallega. Galiza no NO-DO franquista en Através Editora, libro que está a ter unha moi boa acollida por parte da crítica.

É investigadora do Grupo/Rede Galabra na que se integra como especialista en Antropoloxía Social analizando os impactos que o fenómeno do Camiño de Santiago imprime nas comunidades locais que se ven atravesadas por el.

Coordina a súa vida investigadora e docente pertencendo a dous universos profesionais: a música e a antropoloxía. Froito desa dobre experiencia e formación son as súas publicacións; participacións en múltiples congresos, conferencias e relatorías; entrevistas e o recoñecemento técnico profesional e investigador de ambos os sectores.

(Foto: Asestelo)