Músico, compositor e produtor
Aínda que ao mellor non o imaxinades, o meu percorrido lingüístico bebe das dúas marxes do Atlántico, de México e Galicia. Como é posible? Son fillo de galegos pero fun moi pequeno para aló e regresei hai pouco máis de 20 anos. Hoxe a miña vida profesional e persoal é en galego, pero quero contarvos como cheguei ata aquí, como me deixei acoller polo galego.
Paco Cerdeira leva dedicándose ao público infantil dende hai máis de 16 anos, e comezou os seus pasos como membro de Mamá Cabra.
No ano 2014, decide formar a súa propia banda de música rock infantil, e nace así A Gramola Gominola, que edita o seu primeiro traballo en marzo de 2015: A Gramola Gominola (Editorial Galaxia- Sonárbore). Crea cancións para un proxecto musical totalmente diferente ao visto ata ese momento, pois ten como eixe central o Rock and Roll.
Nos anos seguintes editan Cancións para desafinar e Bravas. O rexurdir da luz. Ademais da formidable aceptación do público, acadan o Premio Martín Códax da Música 2018 ao mellor grupo de música infantil.
O seu proxecto máis persoal nace a finais de 2015, Pakolas, nome co que se presenta ante o publico infantil. Nel segue a compoñer para a cativada con letras e composicións propias, acompañados neste caso por contos. O seu primeiro traballo en solitario titúlase Pakolas, é un libro-disco publicado pola Ed. Galaxia que conta co respaldo do Colexio de Logopedas de Galicia. Son 10 composicións, onde tamén trata de traballar a música dende unha nova perspectiva logopédica.
En agosto de 2020 sae editado o seu segundo traballo en solitario, Ramona Órbita, a dona do tempo, de novo na colección Sonárbore. Neste novo traballo camtamos a ritmo moi rockeiro a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel que posúe unha horta automática de patacas cibernéticas, e ademais ten unha máquina do tempo, coa que viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor.
Nos espectáculos, Pakolas como músico e narrador en formato solitario comeza a súa andaina a finais de 2016, percorrendo principalmente bibliotecas e centros de lectura nas actividades de animación á lectura de Ler Conta Moito (Xunta de Galicia), e tamén para colexios e ANPAS (funcións didácticas), e outros espazos como teatros, auditorios, centros sociais, festivais, etc, cunha formidable acollida de público. Ademais do recoñecemento do público, é nomeado aos Premios Martín Códax da Música no ano 2018 na categoría infantil.
Perfecciona a súa técnica na Escola de Música Estudio de Santiago con Alberto Cereijo (Premio- Beca 2014), e ampliou os seus coñecementos de harmonía moderna con Suso Atanes. Toca actualmente noutras formacións como Zënzar. Traballa como técnico no APOI do Museo do Pobo Galego (“Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade“).
Máis info en www.pakolas.com