Carlos Meixide

Carlos Meixide

Presentación

Dende que ten uso de razón, Carlos Meixide (Vilagarcía de Arousa, 1977) concedeulle ao humor os mellores anos da súa vida, polo que non se pode dicir del que non teña sentido ningún… sempre poderá alegar o sentido do humor.

Máis coñecido como Arturito Puy no seu rol de ‘guapito’ do senlleiro dúo cómico-musical Os da Ría, ninguén esquece tampouco o seu inefable compromiso coa lingua galega no personaxe de Lázaro Bernabé, quen ‘se cortó la polla por el gallego’ nunha campaña que aínda hoxe conmove a patriotas e escépticos da nosa cultura.

Por causa do seu acusado sentido do humor, a Meixide tamén lle pareceu divertido nun momento dado estudar a carreira de Xornalismo, mais logo entendeu que ningún fin xustifica os medios (galegos) e deixou de verlle o chiste á profesión. Contrariado e sumido na crise dos corenta, tomou daquela a resolución de lle dedicar menos tempo ao humor e máis ao diñeiro, facéndose novelista.