Docente e coordinadora de Olloboi
Olloboi é un festival audiovisual de curtametraxes dirixido a todos os niveis educativos. Está organizado por unha asociación sen ánimo de lucro radicada en Boiro e leva dez anos organizándose. Mereceu no 2020 o Premio especial Xosé Sellier concedido pola Academia Galega do Audiovisual.
O festival admite obras durante os primeiros 5 meses do ano, e serve de plataforma para visibilizar toda esa creación galega nas aulas. Ademais, Olloboi ten unha parte de encontro na que alumnado e cineastas galegos realizan xuntos unha peza, nunha mañá. Finalmente, a asociación elabora material pedagóxico para axudar na alfabetización audiovisual.
No LGx15 analizaremos que incidencia poden ter estas tres liñas de traballo na autoestima dos galegofalantes e na mellora do uso, do coñecemento e do aprezo polo galego da rapazada en xeral.
Finalmente, Ana Moreiras aportará a súa visión específica como docente participante no Olloboi desde as aulas.
Luguesa de orixe e vocación, profesora de Tecnoloxía e apaixonada dos debuxiños e outras artes visuais.
Docente no IES A Cachada, Boiro, onde desde 2009, axudou a desenvolver o obradoiro extraescolar creativo-social Club do Antifás. No seu seo impulsou propostas transmedia nas redes sociais (Amores Prohibidos 2.0, 2012, xunto ó grupo de teatro Chévere e á empresa A Navalla Suíza), experiencias pioneiras en emprendemento creativo (Eduemprende, 2012, xunto a Promove Consultora), proxectos de desenvolvemento e inmigración (Encontros multiculturais coa ONGD Contacto, premio GSD Innova 2014) ou traballos intercentros sobre novas narrativas dixitais (EpDLab, 2015, creado por Agareso e Gingko).
No eido da robótica e o audiovisual está inmersa dende o curso 2015/16 no seminario transversal STARcach (e na súa vertente en galego STARgal, premio de Innovación Lingüística dese mesmo curso), aproximándose ó mundo do Scratch, o Arduino e o Processing.
Xunto a outros tres profesores e unha deseñadora gráfica, organiza desde 2009 o Festival Audiovisual Escolar Olloboi contribuíndo á formación de canteira no cine galego.
A súa formación en debuxo é freelance e o ámbito onde ten máis experiencia é no urbansketching, hobby co que vai enchendo cadernos nas súas viaxes. No ano 2017 participou no fanzine de Amnistía Internacional para a Feira do Cómic Viñetas do Atlántico. No ano 2018 colaborou nun proxecto de ilustración de xacementos arqueolóxicos da Deputación de Pontevedra. Colabora en Compostela Ilustrada desde o 2018.
Madialeva é a primeira obra non autoeditada que publica. Anteriormente vira a luz Ottawa meets Galicia, un estudo pedagóxico ilustrado sobre o sistema educativo canadiano en comparación co galego.
Apaixonada pola creación cinematográfica, realizou pezas para diversos eventos, e coorganiza en Boiro o recoñecido festival audiovisual escolar Olloboi.
As súas ilustracións poden verse na web anamoreiras.eu ou no Instagram, conta @moreiras26