Agos Reigosa

Agos Reigosa

Internet non é lugar para o galego

Impulsor de Twitch en Galego

A chegada de Internet aos fogares galegos supuxo o primeiro contacto cun novo medio onde expresarnos no noso idioma e chegar con el a un público global directamente, sen intermediarios, supuxo unha chea de posibilidades onde afianzar o uso do galego nas novas xeracións e establecer bases para o seu futuro, e, como non, tamén supuxo chocar de novo cos mesmos prexuízos de sempre. Webs e servizos na rede que non recoñecen o galego, que o menosprezan ou que simplemente o ignoran, isto sumado aos que xa víñamos sufrindo fai que nos preguntemos: é Internet lugar para o galego? Ás veces semella que non, pero os contidos e as comunidades que se crean ao redor de redes como Twitter, Twitch, TikTok ou Youtube son un exemplo de que a normalización é posible.


Nado en Lugo en 1990, graduado en ADE e cun mestrado en Comunicación e Industrias Creativas, as miñas primeiras experiencias en internet foron no blogomillo, cos blogs Galiloxía e A Mac-eira, que máis tarde xunto aos blogs de Mallando darían vida a Vencello, a primeira rede de blogs en galego.

Da man da Mac-eira e o falangullo A mazá sonora dei os meus primeiros pasos no mundo dos podcasts, tras o que virían Alt-G, Decote, o meu extinto programa diario que agora quere volver en Twitch, e o podcast de Ganapán, a axencia de medios da que fun cofundador e na que traballei durante un ano.

Fun creador de contidos na Navalla Suíza e colaborei con medios como Memoria Pixelada, Mola!, Mallando no Android e a Revista Tempos. Agora, o tempo libre que pode ter un opositor adícoo á iniciativa e á comunidade que hai tras Twitch en Galego.