Xoana

Mamá, papá; quero ser cantante

Cantante

Exporei a miña experiencia como galegofalante, castelanfalante e a miña volta ó galego como primeira lingua; ademais, compartirei a miña visión sobre a música galega antes e despois de introducirme nela, así como os meus obxectivos musicais. Outros puntos que tratarei son os prexuízos lingüísticos, moi ligados á autoestima do pobo galego, e a implicación da mocidade á hora de crear cultura.


O meu nome é Xoana e cos meus 20 anos acabo de publicar Dardos, o meu primeiro disco. Este traballo ten como principal aliada a lingua galega, e promociona o uso desta coa axuda de ritmos coma o pop, o rock, o jazz, o funky e mesmo o reggae. Dardos é o disco co que acabo de irromper no mundo da música e utilizo así esta coma un medio de denuncia. Todas as cancións xiran arredor de temas actuais que precisan ser escoitados e que mellor que a música para invitar a realizar cambios!

A diversidade de cancións e estilos está sempre presente nas distintas composicións, polo que o disco goza de riqueza musical e temática.

Son os prexuízos e a ignorancia os que limitan a un idioma, e é ben sabido o sufrimento que estes lle causaron ó longo dos anos á cultura de Galicia; é por iso polo que me empeño en demostrar a súa valía a través deste disco.

Dende tempos inmemoriais, voces antigas loitaron por un galego digno de Galicia e por un recoñecemento do prestixio idiomático. De aí que me sume a tal causa, xa que unha lingua crece día a día e necesita ó seu carón as ferramentas e os apoios precisos para desenvolverse nesta nosa actualidade.

Dardos

Todas as cancións teñen unha mensaxe social e expresan queixas resumidas no título cunha soa palabra, a modo de dardos, pequenos mais precisos.

Así pois, temas como “Mártires” teñen presentes os laios de todas aquelas mulleres vítimas da violencia de xénero, unha das peores lacras da nosa sociedade. “Anceios” visibiliza a aqueles que marchan fóra da súa terra na busca doutra á que poder chamar fogar, homes e mulleres incomprendidos por un primeiro mundo que, como “Egoísmo” indica, está engordado por complexos que ninguén deixa aflorar’. Porén, tamén se tratan temas de carga positiva, relacionados coa amizade, co amor e coa importancia de deixar os problemas marchar e aprender a convivir cos nosos erros sen seguir culpándonos polos danos cometidos. Dentro desta temática hai varias cancións, como poden ser “Aliado” ou “Un salvavidas”.

Por outra banda, Dardos está orientado a achegarlles ós máis novos a música galega e en galego, e que asemade a sintan como algo propio, de xeito semellante ó que eu experimentei.

Por un galego que derrube fronteiras e estea libre de prexuízos! A música move o mundo e así se marcan os cambios.

Dardos en Spotify

Dardos en iTunes

Videoclip de “Mártires”

Videoclip de “Aliado”

https://www.xoana.gal/