Suso López

O emprego da lingua nun proxecto de cine independente

Produtor de cine

Na creación cultural galega de hoxe en día o emprego do galego ten unha imaxe positiva. O público acéptao, respéctao e gústalle. Podemos dicir que tivemos sorte de chegar neste momento. Os creadores e creadoras poñen moito da súa parte, pero somos un país pequeno, temos axuda, pero precisamos algo máis. O problema principal é económico, iso creo, de viabilidade.

Teño algunhas preguntas. Hai un volume de público suficiente en Galicia para facer rendible cine en galego internamente? Non o temos pero as institucións deben apoialo ata o punto suplir esa falta de volume? Debemos asumir que sexa de baixo orzamento? Ou talvez se trata de pensar máis no estranxeiro, onde os filmes en versión orixinal teñen cabida?

Unha boa parte das autoras e dos autores senten a necesidade de traballar en galego, resulta máis natural, no fondo trátase da nosa lingua, de facer o intuitivo. Pero case todo son curtas ou longas relativamente pequenas (no económico!). Facelo, e facelo rendible, non resulta tan sinxelo. Falaremos das dificultades que existen, tamén das facilidades e da experiencia propia producindo unha desas películas ‘pequenas’ en galego (Dhogs, 2017).

Gustaríame que este fose un espazo de pensamento sobre como queremos, ou podemos, empregar a nosa lingua nos nosos traballos. Que por nós mesmos descubramos o valor que ten un idioma propio. Que fagamos o posible por poñelo en valor, pero principalmente que reflexionemos sobre isto.


Enxeñeiro industrial pola UDC. Traballa como produtor, comercial e profesor. Socio fundador da produtora Gaitafilmes. Leva facendo curtas con Andrés Goteira dende hai máis de 10 anos. Participou na maior parte dos traballos do director así como en outras producións, como Limbo de Dani Viqueira. Foi produtor e actor en DHOGS, o debut na longametraxe de Goteira, que percorreu un gran número de festivais por todo o mundo. Repetirá roles coa peza documental na que están a traballar agora: Welcome to ma maison. Tamén traballa na organización dos festivais M de Cine e Meirendas e forma parte dos grupos musicais Voladura e Os Bluesomes.