Roberto Rivas

Todo cambia

Aprendiz da vida

O título da intervención vén a conto por unha canción moi coñecida escrita polo autor chileno Julio Numhauser e coñecida por todas na voz de Mercedes Sosa.

Intentarei trasladar na miña intervención a posibilidade que temos para cambiar moitas cousas, cousas que moitas veces esperamos que alguén as faga por nós (autoridades, institucións, colectivos…), cando en realidade temos as ferramentas máis poderosas para que acontezan, constancia e valentía, perder o medo a facer.

Procurarei trasladar todo o que vivín dende neno, típico de alguén que medrou na Coruña nos oitenta, onde os meus pais falaban galego entre eles pero a nós nos falaban en castelán. O lugar onde nacín, nun barrio obreiro de expropiados de Agrela, da miña universidade que foi a cantina onde me criei… E como fun vivindo coas dualidades do noso ambiente galegofalante e a nosa lingua, a que usabamos todas as rapazas, que era o koruño.

Tamén me gustaría trasladar como en espazos plurais, onde se traballa a empatía, a igualdade e a solidariedade e non existen xerarquías, como os colectivos sociais, a lingua utilizada é o galego. Mais non aforrarei as críticas que considero necesarias noutros ámbitos.

E mesmo falarei de como somos nós e as nosas decisións, como fan cambiar cousas e como iso nos cambia a nós. O feito de mudar a lingua pode ser unha primeira mudanza que dea lugar a moitas máis.


Bombeiro, membro da asociación ecoloxista Senda Nova, socio da cooperativa Zocaminhoca, pastor de abellas, activista…, en definitiva, aprendiz da vida.