Os da Ría Íntimos

Presentación e música


Os da Ría Íntimos nace como ‘escisión’ amistosa do espectáculo Chin chin por Os da Ría, co motivo de conseguir unha formación máis pequena e adaptable a todo tipo de espazos, non só grandes teatros ou grandes eventos, senón salas de menores dimensións de todo o territorio galego. O éxito desta iniciativa foi tal, que se continuou cos espectáculos ‘Díscolo’ e ‘Póstumo’, ofrecéndolle ás súas fans e aos seus fans a posibilidade de gozar da proximidade cos seus ídolos.

En Os da Ría Íntimos soben ao escenario Arturito Puy (Carlos Meixide), Fabián Santomé (Tomás Lijó) e Susito Pián aos teclados (Suso Alonso). Neste show, a viaxe polos grandes éxitos d’Os da Ría non dista dos grandes eventos que teñen protagonizado os dous grandes divos da canción lixeira galega. Temas clásicos como ‘Infanta Elena’, ‘Cando éramos xovens en os 70’, ‘Fernando Ónega’, ‘Rosita Fernández Teijeiro’ ou ‘Unha Galiza sen gluten, unha Galiza dabuten’ inclúense neste espectáculo no que non só se mira ao pasado, aos comezos, senón tamén á actualidade do país coa particular ollada e a particular linguaxe de Arturito e Fabián.