Emilio del Río

A lingua é a nosa pel

Médico

Unha persoa é, en realidade, a súa pel. Tamén o pelo, as unllas, os ollos, mesmo a altura é máis pel. E cando esa persoa nos fala o que percibimos é a súa lingua, o seu ton, o sotaque… Así que, pel e lingua teñen moito que ver e, máis para min sendo dermatólogo, xa que a pel é a miña materia de traballo, os vimbios cos que fago o meu pequeno queipo cotián. A nosa lingua é tamén un instrumento médico: o medio de pescudar e coñecer a realidade da saúde ou das doenzas, un vehículo de transmisión de coñecementos, remedios e bos hábitos de saúde e –tamén– un lazo de empatía entre o enfermo e o médico. En realidade, a palabra en si mesma pode ter de seu un valor sandador individual e –como non– social. Se o médico non entende a que se refire a persoa cando lle fala de que tivo un “furuncho” ou unhas “empinxas” ou unha “pezoña” ou unhas “negras” malamente vai poder curala.

No caso da Dermatoloxía, o papel da palabra é clave nun ámbito que se move no fío da navalla da estética, a cosmética e a nova tecnoloxía láser de rexuvenecemento cutáneo. Xerar creto e confianza, dende o exercicio médico, neste eido de procura de saúde, de aspiración á beleza e á estética é tamén crear lingua auténtica, real, sen imposturas, nun ambiente de traballo profesional, liberal e de marcado carácter científico.

Se ben a Medicina sempre quixo revestirse dunha certa universalidade, o certo é que as doenzas cambian co carácter, as condicións físicas e o contorno. Isto vese tamén na formación. É importante saírmos e coñecermos o que hai polo mundo para, de volta no fogar, universalizármonos. Galicia sempre foi terra de emigración. Xa dicía Castelao: “o galego non protesta, emigra” e xa o cantaba tristemente Rosalía hai máis de 150 anos: “Iste, vaise e aquil vaise…”. Por desgraza, segue pasando a día de hoxe. E en todas as capas da sociedade, aínda que marcadamente na xente nova e cualificada. Galicia perde os mellores: marchan para formarse e, moitas veces, xa non volven. Non podemos permitir esa ferida que perde sangue decontino. Un dos primeiros traballos a prol da lingua é, precisamente, que haxa xente para falala: Galicia ten un serio problema demográfico e temos que ser quen de reverter ese proceso, fixar poboación e riqueza ó territorio, conseguir que os nosos científicos e doutores volvan, facilitar o emprendemento, mellorar as condicións de vida da nosa xente e ser mesmo polo de atracción económico e demográfico. Xa empeza a enxergarse algo dese futuro, produto, en certa medida, da globalización: temos xa pequenos galegos de orixe universal, sudamericana, africana, asiática que dá xenio e emociona escoitalos falar a nosa lingua. Por iso remato co que comezaba: a lingua é a nosa pel, neste caso auditiva. Todos somos iguais e falamos unha mesma lingua (ou non…) e todos somos distintos e únicos.


Nacido na Serra de Outes, A Coruña (a onde acode sempre que pode) en 1964, aínda que veciño de Santiago de Compostela dende os catro anos. Fillo de pai e nai mestres de Ensino Primario, que lle inculcaron dende cativo unha gran curiosidade polo mundo e un grande amor e respecto pola docencia e a pedagoxía.

Estudou Medicina e Ciruxía na Facultade de Medicina de Santiago entre 1982 e 1988 e especializouse en Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía no Hospital Clínico de Madrid entre os anos 1989 e 1992.

Doutorouse Cum Laude en Medicina en 1996 no Departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública e Historia da Ciencia da Universidade Complutense de Madrid cunha tese sobre o Nacemento da Dermatoloxía en España e, máis concretamente, en Madrid.

En marzo de 2005 renunciou á praza de dermatólogo titular do Servizo Galego de Saúde para dedicarse integramente ó desenvolvemento do proxecto Clínica Dermalar e da empresa de cosmética galega Dermotenda, nos que actualmente traballan 11 persoas en Santiago de Compostela.

É autor dun cento de publicacións en revistas nacionais e internacionais e de varios capítulos en libros da especialidade e de medicina xeral. É tamén membro da Sociedade Galega de Dermatoloxía (SOGADERM), da Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV) e da European Academy of Dermatology and Venereology (EADV).

Foi pioneiro na utilización das novas tecnoloxías para posibilitar e ser pioneiro na teleconsulta de Dermatoloxía en España no ano 1999 e, neste mesmo mes de setembro de 2019, vinte anos despois, pioneiro tamén na organización e coordinación do primeiro congreso virtual da especialidade en España.

O galardón que máis aprecia é o Premio Manuel Beiras da Cámara de Comercio e do Concello de Santiago por promoción da lingua galega outorgado no ano 2011.