Alba Rodríguez Carrera

01/01/2019

Traballadora e estudante

A comezos deste ano 2019 hai un antes e un despois na miña vida, falando en termos lingüísticos. Desde que nacín, sempre estiven rodeada de persoas castelanfalantes e, como non, eu tamén o fun case toda a miña vida. Mesmo as persoas da miña familia que falaban e falan en galego, que son moitas, cambiaban e seguen cambiando ao castelán coa xeración máis nova. Desta xeración máis nova da familia é da cal eu formo parte e, como non, somos todos castelanfalantes. Este feito cambiou o 01/01/2019 cando, farta de ver como o galego perde falantes cada ano, notar por parte dunha porcentaxe importante da poboación unha indiferenza incrible e mesmo odio cara á nosa lingua sen razóns de peso e de ver como a nosa identidade se está perdendo. Foi entón cando decidín dar o paso. Mudei ao galego completamente, en tódolos meus ámbitos e con tódalas persoas. Fixen público este cambio na rede social Twitter, o cal me axudou a mellorar grazas a consellos e axuda de amigos e de descoñecidos e tamén contribuíu a que o cambio non fose pasaxeiro.

Nos nosos días, falar en galego na área metropolitana de Vigo e mesmo en outras moitas zonas da provincia implica sentirte forasteira na túa terra. Ao principio todo foron preguntas, bromas e incluso suxestións de que me volvese mudar ao castelán.

Por incrible que poida parecer, resultoume máis sinxelo no traballo (dependenta nun centro comercial na cidade de Vigo). Moitos clientes déronme ánimos e comentáronme o orgullosos que se sentían de ver a unha persoa nova falando en galego de cara ao público nunha cidade na que menos do 10% da poboación fala só en galego diariamente, unha clienta mesmo me chegou a dar un abrazo e un bico. Pese a estes feitos positivos que comento aquí, non todo foi sinxelo neste proceso.


Son Alba Rodríguez Carrera e teño 23 anos. Nacín en Pedrapinta (Mos), provincia de Pontevedra. Fun á escola preto da miña parroquia e ao único instituto que hai no Concello de Mos. Despois, xa con 18 anos, pasei á universidade. No meu caso a Universidade de Vigo, que tamén me queda preto da casa. Comecei na Facultade de Enxeñaría e, logo dun ano, decidín comezar a estudar Economía na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, onde me graduei o curso pasado. No presente curso, sigo na mesma universidade aumentando a miña formación grazas ao Máster en Técnicas Estatísticas.

No ámbito laboral, traballei como dependenta, administradora e teleoperadora mentres estaba estudando o grao. Agora mesmo volvín ao emprego de dependenta que tiven uns anos atrás.