Músico e docente
Atención; o descubrimento da chave das noces para darlle un xiro á situación actual do galego na xuventude chegou. Un potenciador de emocións definitivo, inzado de sodio e potasio e sulfatado con xeito, para chegar ao hipotálamo das persoas máis incrédulas.
Aprendeu a tocar o acordeón por xenética. Foi o seu pai quen o encarreirou no mundo da música en Burela e tamén no xeito de vivila intensamente.
No seu estilo musical está sempre vivo, como feito diferencial, a enerxía da música en directo. Os seus estudos musicais profesionais de solfexo, piano e canto realízaos no Conservatorio de Santiago de Compostela, cidade na que tamén cursará a diplomatura en Educación Musical e na que actualmente mora. Máis tarde complementará en Salamanca a súa formación académica coa Licenciatura en Historia e Ciencias da Música, e na actualidade é profesor de música de secundaria e director do IES Maximino Romero de Lema (Baio, Zas).
A pesar de tocar varios instrumentos, é o acordeón o seu símbolo de identidade, en torno ao que xira todo o seu discurso musical. Isto levouno a formar hai anos o dúo chamado Serra-lhe aí!!! que posteriormente se transformou nunha grande familia musical. Foi membro fundador do grupo Fiandola e Taghaitaí, nos que a música tradicional son esencialmente a canle de comunicación escénica.
Tamén experimentou unha bonita etapa compositiva e interpretativa cos Diplomáticos de Montealto como vocalista, acordeonista e saxofonista. Compuxo e gravou temas con Guadi Galego, Sés, Lamatumbá, O Sonoro Maxín… entre outras.
As súas inquedanzas lévano tamén ao mundo da creación audiovisual e á produción musical.
Na actualidade está centrado no Proxecto Regueifesta, no que tenta –xunto con Séchu Sende- levar o mundo da improvisación oral en verso ás aulas do sistema educativo público. Un proxecto de dinamización lingüística a través do activismo social e educativo que nos últimos anos medrou dun xeito imparábel.