Brais Morán

Actuación musical

Brais Morán comezou a súa carreira musical no ano 1997 coa banda de punk-rock galega Zumbido. Na primeira década do século XXI forma Loretta Martin, banda de referencia por ser única na música galega coa súa mestura de funk e músicas negras en galego, coa que percorre todo o país así como Portugal e España e edita tres discos: Loretta Martin (Falcatruada 2005), Paraíso Distante (Falcatruada 2007) e Despois da mandinga (Autoeditado 2012).

En 2015 emprende a súa andaina en solitario co disco Cruzando o eclipse (The Borderline Music, 2015), coproducido con Arturo Vaquero, no que conta coa colaboración dun dos seus grandes referentes e influencias, Fran Pérez Narf,  así como de Belém Tajes (Luar na Lubre, Voodoo).

Este 2018 sae á luz No Mato do desespero, traballo no que cristaliza de xeito natural todo o vivido ao longo da súa heteroxénea traxectoria, confluíndo o rock, o funk, a música brasileira, os ecos de África, a tradición galega e as súas orixes na Costa da Morte, nunha mestura de identidade única e honesta que se reflicte nunhas cancións que saen da pel e a terra.

Web de Brais Morán