Nuria Espasandín

Nuria Espasandín

“A lingua non é unha peza de museo”

Estudante e youtubeira

Eu son Nuria, teño 23 anos e son das poucas persoas galegofalantes do meu entorno diario. ¿Quién? ¿La que habla gallego?

Non me malinterpretedes, non son discriminada nin moito menos por falar a miña lingua porque ¡claro! ¡Son da aldea! ¡A nena é da Costa da Morte! ¡É normal!

Normal si, pero triste tamén. É incrible a necesidade que ten a xente de explicarse por que unha persoa fala galego en Galicia. De buscarlle o sentido. E máis triste é ver que teñen razón.

Na miña clase somos un puñado de xente os que empregamos esta lingua cos nosos compañeiros, cifra que se ve reducida á metade cando se trata de subir á tarima e facer unha exposición en público. Os profesores que a falan non chegan nin a puñado. ¡Nunha universidade pública galega que se di orgullosa da súa lingua! Sinceramente, este é un dos recunchos onde peor a tratan.

Escoitei, sentada na miña cadeira, como me explicaban o Estatuto de Autonomía e me lían cada un dos seus artigos en castelán. Tamén como se comentaban as leis do Parlamento Galego (con i latino, iso si, non nos esquezamos do protocolo e do orgullosos que estamos do galego ¡que non se nos esqueza escribir o título en galego!).

Lingua de títulos, por lei. Con i latino.

Vin dende esa mesma cadeira como unha compañeira facía unha defensa tremenda do galego alegando cantos artigos existen que o defenden e o promoven. En castelán.

Hoxe estou escribindo isto para falar do futuro da miña lingua e, atreveríame a dicir que tamén o da miña cultura, o da miña Nación.

O futuro está no uso, na normalización. Non no protocolo nin nos museos.

O futuro está na casa e no día a día. Está no crer, está no sentir.

É o costume o que marca o Dereito, ¡acostumemos as leis a falar galego!

O futuro está en falar galego en todos e cada un dos contextos nos que nos vexamos. O futuro está en darlle o prestixio que antano tivo esta lingua. En non buscar que se recoñeza, en crelo nós mesmos. O futuro está en empregalo.


Son Nuria Espasandín, unha rapaza de 23 anos de Vimianzo, que estuda actualmente Dereito na Universidade da Coruña, despois de ter empezado a carreira en Santiago de Compostela.

Tamén atopei tempo neste camiño para tomarme un ano sabático cando non souben atopar o rumbo e ir traballar a terras inglesas. Decisión que me levou a patearme máis dunha ducia de países do globo e vicio que ocupa gran parte do meu tempo: viaxar, en todos os sentidos e extensións da palabra.

Escribo tamén por puro deleite aínda que comparto algún que outro texto na rede, onde tamén deixo caer os meus pensamentos en forma audiovisual. Ente último pasatempo foi o que me levou a ser finalista de Youtubeir@s (http://youtubeiras.gal/) este ano co vídeo que vos deixo a continuación: https://www.youtube.com/watch?v=3THm7gVHdDM

Canle de Youtube: https://www.youtube.com/channel/UCic_6Bztqjpa5p71bvH1fXg