MJ é unha das novas voces do panorama actual da música galega. Iniciou o seu percorrido en 2014 e acumula máis de 50 concertos por diferentes cidades e vilas galegas. Suma xa tres traballos discográficos: Ollos que non ven, síntoma de cegueira; Guerrilleira e Casandra.
A música de MJ Pérez bebe da esencia da canción de autor, unha fusión de diversos estilos musicais co predominio do rock-pop. A palabra e a mensaxe dos temas cobra especial protagonismo xunto coa voz de MJ, cargada de personalidade.
MJ comeza o seu percorrido co seu primeiro traballo, Ollos que non ven, síntoma de cegueira, un álbum autoeditado que a artista achegou ao público a través da rede. Logo disto, a súa actividade gañou forza, e chegou a rematar o ano con máis de 15 concertos en diferentes puntos de Galicia. Acompaña a escritora Mercedes Leobalde nas diversas presentacións do seu libro de poemas Chamádeme Eva. Máis adiante fará o mesmo coa súa obra de relatos Funambulistas. Deste xeito, MJ comeza a espertar o interese do público achegado á literatura.
O punto máis destacable deste momento para a artista foi a súa participación no I Certame de Canción de Autor en Galego, do que foi finalista.
O ano 2015 foi un momento de impulso para MJ, xa que comezou cun novo disco baixo o brazo: Guerrilleira, un álbum con doce temas unidos por un motivo común: a guerra. Un proxecto minimalista, cheo de frescura, no que a artista experimenta unha evolución non só na súa música, senón tamén no seu percorrido. Nese ano aumenta o número de concertos e chega a estar presente en festivais coma o Noroeste Pop Rock.
Xa en 2016, MJ continúa ofrecendo concertos por toda Galicia e remata o ano presentando un novo single e o seu segundo videoclip: “A Peza Solta”, no que colabora a poeta coruñesa Lidia Bao e toda a súa banda. Tamén acada o segundo posto no VIII Concurso Musical da Deputación da Coruña.
Neste ano 2017, MJ publicou o seu terceiro traballo discográfico, Casandra, que é unha evolución no seu percorrido e que conta con colaboracións como Serj, Richi Casás ou Paco Cerdeira. A presentación deste novo álbum foi o pasado 30 de setembro en Arzúa.
Máis información: