Estudantes do Club de Debate do IES Xulián Magariños de Negreira
Queremos falar de lingua e mocidade, da toma de decisións para ir creando a nosa identidade, de orgullo e de tolerancia.
Queremos falar de respecto e de multilingüismo, de autoconciencia e de conciencia colectiva.
Queremos, tamén, recoñecer a importancia de actividades extraescolares que lle dan á lingua a vida que moitas veces se lle quita dentro das aulas.
E queremos, por último, poñer en valor a xente moza neofalante, animala a tecer unha rede con nós, galegofalantes DTV (de toda a vida :-)). Se alguén que nos escoite está pensando en comezar a empregar o galego como lingua habitual, aquí estaremos unha boa tropa de xente para divertirnos, conversar e reclamar parches de lingua para os nosos videoxogos favoritos, o galego como opción de idioma nas nosas APP preferidas e todo o que faga falta.
E todo isto con humor (pero falando seriamente), con honestidade e moitas ganas de deixar a lingua mellor do que a herdamos.
Alba García Mato (17 anos), estudante de 2º de Bacharelato.
Fátima Fathallah Ezzine (17 anos), estudante de 2º de Bacharelato, de familia marroquí e bo exemplo de multilingüismo (fala o dialecto árabe no contorno familiar, o galego é a lingua coa que se relaciona co grupo de amigos e no día a día fóra da casa, e estuda inglés e francés).
Brais García Brenlla (17 anos), estudante de 2º de Bacharelato.
Jonathan Blanco Vieites (17 anos), estudante de 1º de Bacharelato.
Residen no concello de Negreira e participan no Club de Debate do centro dende a súa creación no curso 2014-2015. Foron os vencedores nas dúas últimas edicións.