Diana Fernández e David Díaz

Diana Fernández e David Díaz (LGx15 2016)

Bolboreteando coa lingua na rede

Blogueir@s de Bolboretas no bandullo

 

Gastronomía e Galiza adoitan ir asociadas, mais, non por acaso, a lingua apenas forma parte desa unión. Os nosos pratos coñécense en boa parte do mundo, mais non co nome que corresponde. Un campo central na cultura galega, pola súa tradición e adoración, preséntase completamente castelanizado. A anormalidade xa se mostra no elemento estrela, o polbo. Resulta complexo imaxinar que á pizza se lle chamase por outro nome ou tamén ao fish and chips.

Así pois, normalizarmos o galego na cociña resulta fundamental pois esta está no día a día. Coñecemos a alfábega ou o coantro? Porque de seguro que os utilizamos acotío.

A rede ofrece dimensión e difusión para esta tarefa. Podemos recuperar receitas esquecidas, termos marxinados, achegármonos a pratos exóticos e facelo todo desde a nosa lingua. A transmisión de receitas en Galiza fíxose historicamente de forma oral e na súa maior parte, en galego. Porén, os manuais non se correspondían con esa transmisión, aínda sendo especializados en cociña galega.

Debemos procurar o camiño adecuado para as nosas receitas. Os ingredientes son inmellorábeis.


Somos Diana Fernández (1989) e David Díaz (1988), dous filólogos galegos de Viveiro, namorados desde 2005, que comezamos un proxecto común a finais de 2013 arredor de dúas paixóns: a lingua e a cociña. Co final da carreira e durante o curso do mestrado de educación, vimos a necesidade de crearmos, de facermos unha achega á normalización do noso idioma desde un ámbito tan consolidado como o gastronómico e desde un portal de infinitas posibilidades, mais tamén necesidades, como o da Internet.

A formación gastronómica caracterízase polo autodidactismo e pola achega familiar, fundamental na aprendizaxe da cociña galega tradicional, onde a nai ten boa parte da culpa.

Ademais, no último ano, David estivo vinculado directamente á cultura desde o posto de Técnico de Cultura no Concello de Ribadeo. Diana, pola súa banda, cumpriu durante os últimos meses do pasado curso un outro soño, o de traballar na docencia e na trasmisión da lingua. Agora mesmo, compaxinamos a preparación das oposicións para Secundaria co mantemento de Bolboretas no bandullo, para o que fica algo máis de tempo e co que non aborrecemos en ningún momento.