Pedro Brandariz

Pedro Brandariz

“Fagamos o humor”

Humorista

O humor e a comedia son armas de construción masiva e poden contribuír inequivocamente a garantir o uso da lingua galega e incluso espallalo (quen che di que non é posible gañar falantes). Ofrecendo produtos escénicos e audiovisuais de calidade e en galego prestixiamos a nosa lingua e creamos gañas de falar en galego, polas expresións, polas frases feitas, porque nos gustan os actores e actrices… por moitas causas.

Igual que o Xabarín e Songoku fixeron que moitas nenas e nenos falasen galego creo que nos tempos actuais os contidos dixitais de humor poden recuperar esa motivación. Non podemos adiantar o nivel de eficacia, pero que a xente de 15 a 40 anos ou máis consuma produtos culturais en castelán non vai axudar en nada. Fagamos que teñan a posibilidade de velos, de escoitalos, de vivilos en galego. Fagamos o humor.


Son Pedro Brandariz, cómico galego que leva máis de quince anos percorrendo os escenarios galegos, dende bares e tabernas ata platós de televisión. Fago monólogos, contacontos, espectáculos con diferentes compañías escénicas (todas elas de comedia e humor), actúo en series da TVG, saio ás veces no Luar da TVG e participo nun lote de webseries galegas (Galicia Crime, Peter Brandon, Antolepsia…) e todo iso: en GALEGO.