Cecilia Fernández Santomé

Cecilia Fernández Santomé

“Galego e tendencias: como a auga e o aceite?”

Editora xefa da revista Coolt

Galicia é toda unha potencia na industria da moda. É o fogar de Inditex, que non é calquera cousa (e imprime carácter). Aquí fabrícanse, xa que logo, as tendencias globais, mais estas tamén se trasladan ás rúas, ás conversas, ás redes sociais e aos blogs. Temos blogueiras de renome e columnas especializadas en case calquera xornal. Sabemos que se leva e como se leva.

Porén, esa información circula case en exclusiva en castelán. Como moito, en inglés.

Coolt naceu coa humilde pretensión de conquistar esa masa de afeccionados e afeccionadas ás revistas de estilo de vida e moda que hai en Galicia e que, ata 2016, non contaban cunha publicación periódica que lles ofrecese dito material na súa propia lingua.

Non nos enganemos, contribuír á normalización do galego no eido das tendencias non é doado. Os prexuízos aos que nos enfrontamos son moitos e moi variados. Por iso, esta comunicación non podía ter un título máis optimista. Quizais unha dose de realidade sexa o mellor estímulo para avanzar.


Son Cecilia Fernández Santomé (1984), e, segundo meu currículo oficial son filóloga francesa de formación, doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada por paixón, e xestora de contidos dixitais por vocación profesional.

Nacín en San Simón (Vilalba), mais nos últimos anos pasei máis tempo fóra de Galicia que na miña aldea. Vivín en París, en Liverpool e en Londres, e, cando decidín regresar, embarquei nun proxecto que é un dos meus maiores orgullos: a revista Coolt. Cofundada con Cristina Fernández, conseguimos facer dela unha publicación orixinal, fresca e innovadora. E fixémolo en galego, porque esa é a lingua na que as dúas nos criamos.